feira viño quiroga

Desde a Feira do Viño de Quiroga 2017: Grazas, Aquino

Posted on Posted in Feira Viño Quiroga
Sabía do interese que suscitaban os inicios da Feira do Viño de Quiroga pola grande cantidade de mensaxes que nos últimos anos recibían os recortes que a miña amiga Sabela Morales colgaba en Facebook por estas datas. Unha mestura de morriña e silencio sempre dotou a ese anaquiño de historia dun orgullo case “castrexo”, nativo e primitivo.

Quiroga arredor dunha fogueira coma en tantas costumes ancestrais. Quiroga, un pobo, unha tribo… ou así é coma imaxinábao eu.

A verdade é que as imaxes en branco e negro sempre conspiraron para dotar de romanticismo todo o que tocan.
Ese cheiro a hemeroteca, a papel gastado e tabaco… ata aí fíxome chegar esta aventura.

Eu era moi pequena cando entrei por primeira vez á parte de atrás da oficina do meu avó. Alí en inmensos andeis, máis inmensos polo meu tamaño que polo seu, descansaban exemplares do diario das últimas décadas.

O meu avó Alejandro Quiroga Novo, “Aquino”, correspondente de El Progreso, pasaba as súas horas entre o dominó, a oficina e o café sempre acompañado do seu traxe gris e o seu inseparable tabaco.

Antes da miña viaxe ao pasado, na Quiroga do 2017 unha urxente necesidade de información chamaba incesantemente á porta da imaxinación... E se fose posible reconstruír a historia tal e como sucedeu?

Primeiro foi un programa da IX Feira do Viño que máxicamente o destino deixou caer dun andel días antes de que Sabela fixese nacer “Quiroga é un viño”. E despois a pregunta: Haberá máis?
A miña nai entrou na habitación cunha carpeta azul que ela mesma rescatou do afundimento dos anos. “Hai esta carpeta do avó. Mira aí se algo serve”.

A reivindicación, a homenaxe, a historia e moitas das respostas que andabamos a buscar… Todo estaba na carpeta azul.

A carpeta azul cheiraba a hemeroteca, a papel gastado e tabaco… ou así é coma gostaría de lembralo eu.
Este é un borrador escrito a máquina nas páxinas que usaban para mandar as crónicas a El Progreso da época. Presumiblemente trátase dun artigo do ano 1991 e sería publicado nunha data próxima á Feira. Nel, Aquino lembra os inicios da Feira do Viño e destaca a importancia que están a acadar os certames dos que somos “pioneiros a nivel provincial” (lembremos que a Ribeira Sacra non nace coma denominación de orixe ata 1997).

Clic aquí para ir ao artigo orixinal

QUIROGA E AS SÚAS FEIRAS DO VIÑO (1991)

AQUINO



A Feira do Viño de Quiroga que celebramos na vila, capitalidade do municipio e cabe de comarca, desde hai nove anos por estas datas, coincidindo coa Semana Santa motívanos a este comentario relativo á bondade, calidade e fama dos viños que prodúcense na ribeira do Sil quiroguesa, coma un dos viños máis representativos da rexión galega.

Para un quirogués de pura raza, de arraigada vinculación nestas terras que, ao longo de máis de corenta anos comentou nas páxinas deste xornal El Progreso as peculiaridades destes viños, non lle resulta demasiado doado insistir, unha vez máis neste tema, ante o temor de incorrer no anoxo dos seus veciños e lectores por reiterativo. Centraremos esta reportaxe, soamente, nalgúns aspectos coa maior obxectividade que nos caracteriza e, claro, co desexo dunha mellor información e mellor coñecemento destes viños de Quiroga.

Estas feiras do viño deron comezo o once de novembro de 1978, coincidindo coa festa do San Martiño, patrón da vila. Nos anos 78 e 79 celebráronse de forma experimental, con escasa asistencia de colleiteiros (soamente concursaron oito) e non menos medios económicos, cos problemas inherentes á súa organización e outros inconvenientes. Por aquelas datas os viños presentáronse ao concurso a granel, en barricas de trinta litros, polo que facíase moi laborioso e incómodo a cata polo xurado calificador. A partir do ano 79 e xa no 80 tivo lugar a primeira feira de forma oficial, por iso é polo que figura esta feira como a novena, sendo que en realidade debese figurar a *undécima polos anos transcorridos. Detalle este de pouca importancia, pero á súa vez significativo pola súa antigüidade, xa que segundo as nosas noticias e así cremos, Quiroga é a pioneira a nivel provincial neste tipo de certames.

Nos anos sucesivos as feiras tomaron un notable incremento evolucionando considerablemente en importancia e popularidade. Puxéronse en práctica novos sistemas que deron bos resultados en participación, calidade e presentación. Xa hai anos que o viño preséntase a concurso en stands e embotellado con etiquetas de orixe, que lle proporciona unha maior venda no mercado pola súa boa calidade e presentación e consecuentemente os considerables beneficios que reporta a toda a comarca.

O val é eminentemente vinícola. O viño é unha das fontes de riqueza principais que incide notablemente na súa economía. Nesta valoración é obrigado incluír, e facémolo con gran satisfacción pola nosa banda, á veciña localidade de San Clodio, que forma parte desta comarca de iguais características e vantaxes. É un val, como dicimos, axeitado para producir viño en maior escala, xa que a superficie de cultivo e o rendemento por unidade poden e deben ser mellorados progresivamente, de acordo coas nosas posibilidades, e pola calidade tan acusada dos exquisitos caldos que producen os nosos viñedos. A superficie cultivada en toda a comarca é de 700 hectáreas cunha produción anual que achégase aos 88000 cañados (40 litros cañado) que supoñen uns 3520000 litros de produción. Os beneficios económicos son importantes, oscilan segundo as colleitas, posto que niso inflúe notablemente o clima e outros factores que determinan a súa variación, pero tomando como base unha colleita normal poden superar os 350 millóns de pesetas. Cifra esta moi considerable que constitúe a base da economía de moitas familias da comarca. Estes datos fóronnos facilitados por técnicos e expertos na materia e certamente cremos achéganse á realidade.

O cultivo da vide nesta zona é moi importante en cantidade e calidade, xa desde tempos moi remotos. Se traladámosnos aos anos 30, hai sesenta anos, nós lembrámolo perfectamente posto que xa peiteamos abundantes canas, existían adegas en Quiroga con grandes colleitas. Concretamente unha, polo menos, producía 1000 cañados de viño anuais (40000 litros). Cifra esta de consideración que avala a nosa información e que podemos afirmar con toda certeza.

Nestas terras a crianza de viños, ao correr de anos, veu sufrindo certa transformación, modernizando métodos de cultivo, recolección, elaboración, etc…

Na actualidade a maioría dos colleiteiros melloraron notablemente os seus viños con novas plantacións de variedades autóctonas, adaptando as súas adegas con instalacións adecuadas e maquinaria moderna que permite mellor cotización e maior rendibilidade. Dous colleiteiros traballan xa a nivel industrial, con plantas embotelladoras, marca do produto, etiquetaxe de orixe e denominación da terra. Con todo, algunhas pequenas adegas existen aínda con procedementos rutineiros, quizá algo anticuados, pero non desmerece en nada a calidade polo seu esmerado coidado que dan aos seus mostos a súa peculiaridade, ben acreditados no mercado.

Tamén en Quiroga prodúcese un vinillo gaseado ou con agulla, denominado PURRELA, moi apreciado polos nativos do país. Esta calidade elabórase co viño que procede de sangra ou descube - como por aquí dise - engadíndolle auga, azucre e despois de varios procesos conséguese un viño refrescante, moi frouxo e de pouca duración, para consumo caseiro (non ten cotización), pero moi agradable ao padal e especialmente indicado para o seu consumo no tempo das castañas á calor do lume.

É frecuente ver neste lugar diversidade de forasteiros que chegan a esta vila co único obxecto de conseguir unha botella destes saborosos viños. A fama chega a todas partes e este pobo non é unha excepción. Neste sentido e en varias ocasións, recibimos chamadas telefónicas de bos amigos que temos por eses mundos de Deus, solicitando recomendación para poder conseguir algunhas botellas en época de escaseza e isto afírmanos máis no coñecemento e bo mercado que teñen os viños quirogueses.

Indubidablemente que os nosos viños, por destilación do seu bagazo, producen augardente de primerísima calidade e a súa graduación oscila entre 45 e 50 graos. Outros levan a fama, quizais con menos dereitos que os nosos e é verdade, segundo os especialistas que nos informan, que estes poden competir con calquera dos de mellor calidade. Este augardente ten boa venda, a súa cotización está en alza de ano en ano e é frecuente observar como algúns anos esgótanse existencias pola súa forte demanda neste produto. É moi cotizado, especialmente, para tomar unha chiquita á hora de tomar o café na sobremesa.

Sobre os excelentes viños de Quiroga hai moitos refráns que lles acreditan como tales, pero ao ser dabondo coñecidos non imos referirnos a todos. Citaremos soamente un, que lembraremos neste momento e que oímos, nalgunhas ocasións, ao noso bo amigo Xoan Rolo. Xoan Rolo.

“Os arrieros do viño,
teñen todos boa arela,
din que van pra Quiroga,
e mércano en Paradela”


Paradela é un lugar do val do Lor, situado á entrada do termo de Quiroga.


Nunha crónica do meu amigo Rodríguez Porto relativa á Feira do Viño de Chantada, celebrada en días pasados dicía, se a nosa memoria non é infiel, que acadárase a cifra de venda de 30000 botellas, cifra esta moi importante. En Quiroga, se as circunstancias climatolóxicas favorécennos, é posible podamos superar esta cantidade. De todos os xeitos é moi alentador que estes certames que véñense celebrando en Galicia prodíguense e teñan continuidade en anos sucesivos, o que pon de manifesto que os viños desta rexión galega son todos de primeirísima calidade.

E posto que falamos de viños, desexamos a todos os que nos visiten neste día unha feliz xornada. Esta vila disponse a recibirvos e ofrecervos, unha vez máis, unhas copas dos seus viños xenerosos, que certamente aledan os corazóns e a mente, e dan calor, ledicia e benestar a estas marabillosas e entrañables terras quiroguesas.

*Cremos que Aquino refírese con undécima edición ao número de edicións que resultaría de contar as dúas que celebraron antes da primeira data oficial (11 de noviembre de 1980).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *