feira do viño de quiroga

Xuntos podemos conseguilo!

Posted on Posted in Opinión

A web trata a información xeral, o blogue é para que expresemos o que é a Feira do Viño para nós.

Somos veciños e nos coñecemos desde fai moitos anos. O obxectivo é ambicioso, pero se a Feira do Viño de Quiroga é a primeira da Ribeira Sacra, é bó para todos e temos que loitar por conseguir ese recoñecemento.

Esta web non ten absolutamente nada que ver coa política, quero aclaralo porque cónstame que algúns veciños pensan o contrario. Moitos sabedes que nin estou nin estiven xamais afiliada a ningún partido e que por circunstancias da vida, tampouco estou empadroada en Quiroga. É un proxecto no que hai moito traballo e ilusión por un amor incondicional a esta festa e que espero que sirva como elemento de unión. Nese sentido agradezo enormemente aos concelleiros que apoiaron estes días o proxecto ben seguindo a páxina de Facebook ou incluso dando difusión ao vídeo. É un bó comezo para traballar todos xuntos e obter algo que é positivo para Quiroga.

Ninguén me paga por isto, todo o contrario. Costoume cartos, moito traballo e sacrificio das miñas horas non laborables. A idea de facer esta páxina web é moi sentimental, tanto pola paixón que teño á Feira como por outros motivos.

Miña nai sempre recordaba cando estaba embarazada de min de 4 meses no ano 1980. Dicía que esa foi a primeira Feira do Viño de Quiroga e que só puido mollar os beizos para probar o viño. Todos os anos comentaba o mesmo, moitos de vós seguramente lestes os seus comentarios sobre este tema cada vez que eu compartía artigos da Feira do Viño nas redes sociais. Animábame a seguir buscando artigos deses anos despois de atopar varios na miña casa.

Ano tras ano vendo que moitos veciños tamén tiñades interese, a miña nai suxeriu que sería unha boa idea poñelos a disposición da xente que os quixese ler. Sinto agora non tomar esta iniciativa antes e que ela puidéseo ver, pero estou segura que onde estea, tamén estará lendo estas liñas.

Aproveito este post para enviar unha mensaxe aos veciños de Sober e dicir que con esta web, non pretendo facerlles ningún mal. Eles comprenderán perfectamente que cando queres algo con moita forza, loitas todo o que podes para conseguilo. Calquera no meu lugar faría o mesmo.

Adoro a Feira do Viño de Amandi e quítome o sombreiro ante a calidade dos seus viños. Non se trata dunha cruzada persoal, senón de alcanzar unha meta que creo que é xusta. Por outra banda tampouco afirmo categóricamente que teña a verdade absoluta, e pode que alguén me sorprenda con un artigo que cita outras datas, pero baseo as miñas conclusións na información que recopilei e en todo o que leo en fontes de confianza. Se non é así humildemente a modificarei e pido perdón por adiantado.

As reivindicacións desta páxina non teñen exclusivamente por obxectivo a modificación da data inicial, que é o tema máis sensible e urxente. Penso que tamén hai que ampliar a historia dunha celebración que xa é histórica no Concello. Esa historia debe trascender ós nosos descendentes como realmente é, é o noso legado e a nosa responsabilidade. Débese de documentar correctamente cada ano recoñecendo aos fundadores o seu esforzo e iniciativa agora que temos a sorte de telos entre nós, débese de dar recoñecemento ao pregoeiro de cada ano, tamén o número de expositores e os seus nomes, premios, incidencias, novidades…

Nesta labor documental ten especial importancia falar do primeiro pregoeiro desa I Feira do Viño de 11 de Novembro de 1980. Uxío Novoneyra regalou ós quirogueses a frase “Quiroga é un viño”, unha cita dun dos poetas galegos máis recoñecidos e ó que por certo, adicóuselle o Día das Letras Galegas no 2010. Esta frase caeu no esquecemento e temos que recuperala. É un regalo para nós, é patrimonio dos quirogueses, un orgullo para calquera veciño e ademáis, un potente claim de marketing para publicitar o evento fóra de Quiroga.

Como podedes comprobar isto non ten nada que ver con ideoloxías. É tan loable mencionar aos 3 veciños que fixeron a primeira Feira do Viño, como aos que a continuaron anos despois; e é tan importante mencionar que o primeiro pregoeiro foi Uxío Novoneyra, como destacar que moitos anos máis tarde tivemos o privilexio de contar cun premio Nóbel como Camilo José Cela en 1990 ou con Matías Prats ó ano seguinte.

Na miña opinión a Feira do Viño actual mellorou en moitas cousas, como por exemplo a animación na rúa ou o concurso de tapas que se fai durante os días previos. Son iniciativas moi boas e hai que dicilo, pero tamén hai que facer crítica constructiva e recoñecer que sería positivo recuperar o concurso de viños con xurado profesional e optar sempre por pregoeiros galegos de facetas profesionais de boa reputación.

Cristina Castaño ou María Castro son actrices galegas que están no seu mellor momento e que pertencen a unha rama profesional artística. É positivo a nivel mediático, pero tamén son moi importantes as súas raíces porque crean un vínculo emocional cos veciños. Sen embargo non vexo cos mesmos ollos a outros pregoeiros e sabedes perfectamente que non son a única.

Trátase simplemente dunha cuestión de recoñecemento, e que conste que eu non teño nada en contra dos contidos que escolle cada quen libremente. Non son a típica que di que só pon na súa casa os documentáis da 2 e pelis clásicas, pero eso non impide que pense que Quiroga e a súa Feira do Viño merecen máis cariño, e que os pregoeiros dediquen un tempiño a escribir o seu propio pregón sen que vexamos a algún representante local movendo os beizos repetindo o discurso coma se de un ventrílocuo se tratase. Con todo o respeto fago esta crítica.

Probablemente o pregoeiro deste ano xa estea decidido pero se non é así, manifesto o meu desexo de propoñerllo a Mónica Fernández, quiroguesa nomeada pola Academia Internacional de Gastronomía como a Mellor Sumiller do Mundo no 2017 e con moitos máis recoñecementos ás súas costas. Eso sí que sería un pregón de prestixio para promocionar o produto local!

Termino xa… Grazas polo apoio de todos e desde aquí tendo a man a quen sexa para traballar neste obxectivo común, como tamén insisto en invitar aos veciños a colaborar nesta web enviando as súas fotografías da feira, escribindo no blogue ou aportando o que sexa de interese para a Feira do Viño de Quiroga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *